Andaina ata o Alto do Montouto para observar o Eclipse Total de Sol

Data
to
Location
Mirador do Alto do Montouto
Organiser
Concello da Caniza. Verán de Lecer 2026
Actividades

O Concello organiza unha andaina familiar para desfrutar da observación do eclipse total de sol desde o Alto de Montouto

Incorporamos á programación do Verán de Lecer 2026 unha actividade moi especial que combina natureza, sendeirismo e divulgación astronómica con motivo do eclipse total de sol que poderá observarse o 12 de agosto.

A proposta consiste nunha andaina familiar polo Sendeiro de Montouto, cun percorrido de 5,02 quilómetros e unha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos, apta para todas as idades.

A ruta partirá ás 18:00 horas desde Fontefría e rematará no Alto de Montouto, un enclave privilexiado para seguir este extraordinario fenómeno astronómico.

Durante a xornada, as persoas participantes poderán contemplar o eclipse desde un espazo natural de gran valor paisaxístico, convertendo a actividade nunha experiencia única para compartir en familia e descubrir o patrimonio natural da Caniza.

Segundo os horarios previstos para o municipio, o eclipse comezará ás 19:32:59 horas, alcanzará o seu punto máximo ás 20:30:10 horas e finalizará ás 21:23:37 horas.

Para garantir unha observación segura, será imprescindible utilizar lentes homologadas para a observación de eclipses, recomendándose acudir preparado con antelación.

O Concello recomenda realizar preinscrición previa na Biblioteca Municipal, chamando ao teléfono 986 66 30 69, co fin de facilitar a organización da actividade.

O Concello da Caniza anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta proposta, unha oportunidade excepcional para combinar deporte, natureza e ciencia nunha das tardes máis especiais do verán.

Horario

Mércores 12 de agosto de 2026, a partir das 18h