Toponimia
A orixe do nome do municipio (A Cañiza) parece derivar das ‘ cañizas’ ou ‘ cañizos’, antigas casetas construídas con ramas de árbores entrelazadas que se dedicaban ao almacenamento de alimentos e que tamén servían como refuxio do mal tempo.
HISTORIA DA CAÑIZA: PARROQUIA QUE CEDEU O seu NOME AO TERMO MUNICIPAL
Ainda que é a máis recente das parroquias que constitúen o Termo Municipal, se temos en conta o seu ano fundacional, A Cañiza é hoxe en día a máis importante das 9 que constitúen a localidade, por residir nela a capitalidade do municipio, por concentrarse na mesma a maior parte dos servizos administrativos e por ser a que máis poboación acolle a pesares de ser a máis pequena en extensión. Con todo e como xa se comentou, a historia deste lugar remóntanos case 200 anos atrás.
Os primeiros poboadores desta parroquia eran oriúndos das inmediacións, especialmente de Valeixe. Empezaron a poboar a zona, concretamente o barrio que hoxe se coñece como A Calzada, para atender mellor e máis de preto o cultivo dos seus terreos. Aos primeiros moradores seguiríanlles outros, porque cada vez eran máis os veciños que desexaban permanecer preto dos seus bens e os seus campos e así comezaron a construír as súas propias habitacións ás que seguiron mellores edificacións. O nome “ Cañizas” que se lle deu á parroquia, explica fielmente cal foi a súa orixe. A zona empezou a poboarse cunhas casetas ou chozas feitas de ramas de árbores entretexidas e cubertas de pallas ás que a xente do país chamáballes Cañizas e Cañizos, para que os labradores puidesen gorecerse da choiva. Tamén eran coñecidos entón os cañizos co nome de hórreos.
Máis tarde iniciaríanse tamén as obras de construción do chamado Camiño Real das cidades de Tui e Vigo para Castela, obra que lle daría o impulso definitivo a esta parroquia. A elección do trazado por estas terras tivo moito que ver coas boas condicións do chan. Neste caso Valeixe quedou relegada por ter unha estrutura orográfica máis complicada para o acondicionamento da calzada. Por esta travesía fóronse levantando numerosas edificacións. Era coñecida como rúa Principal e contaba ademais cunha parada de postas para bebedoiro de cabalos no lugar que hoxe coñecemos como Fonte dos Dous Caños.
Nun principio, o lugar da Cañiza pertencía á parroquia de Stª. Cristina de Valeixe, que non Concello de Valeixe, como tende a confundirse aínda hoxe en día. Pero o 9 de xullo de 1.790, o Señor Bispo de Tuy, Don Domingo Fernández Angulo convertería o barrio “as Canizas” en anexo de Santa Cristina por así solicitalo en reiteradas ocasións os aldeáns desta barriada debido, entre outros motivos, á gran distancia que a diario tiñan que percorrer ata o templo parroquial. A Igrexa atopábase situada en Valeixe, ou o que é o mesmo a 9 quilómetros por un malo e “ fragoso” camiño. Pouco despois comezarían a construír unha ermida no terreo que hoxe ocupa a Praza Maior da vila, dedicada ao Doce Nome de Jesús e a Stª. Teresa. O 28 de xullo de 1790 celebraríase o primeiro bautismo e o primeiro casamento o 5 de setembro, tamén dese mesmo ano. Con todo os enterros seguiríanse celebrando en Valeixe, ata que tivo lugar a total desmembración.
A poboación da Vila cada vez aumentaba máis e desexando os seus veciños separarse enteiramente da matriz e pedir a autonomía parroquial ante o Ordinario Eclesiástico de Tui, fixérono nun xuízo contencioso, gañándoa nun rifado litixio. Conseguiron a sentenza o 25 de febreiro de 1.815. Debido aos cambios políticos tan significativos que estaba a vivir o País, A Cañiza tivo varios curas ecónomos e tería que esperar ata abril ou maio de 1844 para contar co seu primeiro Abade Párroco que se chamaba Dn. Benito María Sarmiento.
Será a finais do século XVIII e principios do XIX cando A Cañiza alcance o seu maior apoxeo. Nesta época ademais de aumentar a súa veciñanza nunha proporción desmesurada, trasladouse alí a Xustiza das Achas coa súa Audiencia e converteuse na cabeza e capital de Xurisdición e Partido, tomando desde entón a denominación de Vila. No ano 1815 era gobernada a Vila por un Xuíz Ordinario coa súa Audiencia. Ata o ano 1820 A Cañiza non se constituiría como Concello co seu correspondente Alcalde, por iso e ata a data era gobernada por Xuíz.
Prehistoria
Un dos restos máis antigos do municipio é a ‘ Citania’, situada en Chan de Bouzas. Neste poboado construído durante a época prehistórica podemos apreciar os restos das ‘ Casarellas’ de planta circular. No mesmo lugar debemos destacar un dolmen cunha peza de cobertura en forma de cúpula. Tamén na mesma zona podemos tentar descifrar os petróglifos rupestres.
Idade Antiga
Os primeiros escritos coñecidos onde se menciona este territorio datan do ano 138 a. C., cando Tito Livio comenta a expedición de Decio Juno Bruto por estas terras.
Idade Moderna
Durante a guerra da Independencia, os habitantes da Cañiza destacaron pola súa unión e resistencia fronte ás tropas francesas.