O Concello da Caniza celebrará o vindeiro 3 de agosto de 2026, ás 12:00 horas, a inauguración da Primeira Exposición Filatélica da Caniza, un acontecemento de especial relevancia polo seu extraordinario valor histórico e patrimonial para o municipio.
O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello da Caniza (2.ª planta da Casa do Concello, rúa Oriente, 11) e reunirá unha serie de pezas e documentos de grande interese para as persoas afeccionadas á filatelia, así como para todas aquelas interesadas na historia local.
Entre os contidos máis destacados da exposición atópanse:
- Unha mostra de selos dedicada á gastronomía e á cultura galega.
- A colección sobre a historia postal da Caniza, que inclúe a primeira marca prefilatélica do municipio.
- A presentación do primeiro cuño conmemorativo da LX Edición da Festa-Feira do Xamón da Caniza.
- A emisión limitada da primeira tarxeta postal conmemorativa desta emblemática celebración.
A exposición poderá visitarse do 3 ao 7 de agosto de 2026, en horario de 08:00 a 15:00 horas, con entrada libre.
A inauguración desta exposición forma parte do programa de actos organizado con motivo da LX Edición da Festa-Feira do Xamón da Caniza, unha das celebracións gastronómicas máis emblemáticas de Galicia, que se celebra ininterrompidamente cada 15 de agosto desde 1966 e que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico da Comunidade Autónoma de Galicia, outorgada pola Xunta de Galicia.
Esta iniciativa está organizada polo Concello da Caniza, coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas e da Sociedade Filatélica Miño.
O Concello convida a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta exposición, unha oportunidade única para coñecer e poñer en valor o patrimonio postal da Caniza e descubrir a estreita relación entre a filatelia, a historia e a identidade do municipio.
Do 3 ao 7 de agosto de 2026, no Salón Noble de Sesións Plenarias do Concello