Entrega da Medalla de Ouro da Vila da Caniza ao Club de Fútbol Cañiza

Data
to
Location
Salón de Plenos do Concello da Caniza
Organiser
Concello da Caniza
Actividades

O Concello da Caniza fará entrega o sábado 1 de agosto da Medalla de Ouro da Vila ao Clube de Fútbol Cañiza

O Concello celebrará o vindeiro sábado 1 de agosto o acto institucional de entrega da Medalla de Ouro da Vila da Caniza ao Clube de Fútbol Cañiza, unha das distincións honoríficas recollidas no Regulamento de Honras e Distincións do Concello, en recoñecemento á súa extraordinaria traxectoria deportiva, social e humana e ao servizo prestado á veciñanza durante décadas.

Con este recoñecemento, que terá lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial, ás 21h, o Concello quere render homenaxe a unha entidade que forma parte da historia da Caniza e que, ao longo de xeracións, contribuíu de maneira decisiva á promoción do deporte, á formación en valores e ao fortalecemento do tecido social do municipio.

A concesión desta distinción foi anunciada polo alcalde durante o acto conmemorativo do 50 aniversario da federación do Clube de Fútbol Cañiza, celebrado o 14 de agosto de 2021. Naquela xornada lembráronse tamén as orixes da entidade, que se remontan ao ano 1927, os 50 anos de existencia federada (1971-2021) e os 25 anos da Escola Deportiva Cañiza Clube de Fútbol, coa que o club se fusionou nese mesmo ano.

Posteriormente, mediante Decreto da Alcaldía de 22 de decembro de 2021, iniciouse o procedemento para o outorgamento desta distinción, propoñéndose a concesión da Medalla de Ouro da Vila da Caniza ao Clube de Fútbol Cañiza polo extraordinario servizo prestado á vila durante máis de cincuenta anos.

A través desta entrega, o Concello quere expresar o agradecemento da institución e da cidadanía á traxectoria dun club que soubo converter o deporte nunha ferramenta de integración, formación e participación social, contribuíndo a proxectar o nome da Caniza dentro e fóra do municipio e deixando unha fonda pegada en varias xeracións de canicenses.

A Medalla de Ouro da Vila da Caniza simboliza o recoñecemento institucional á dedicación, ao compromiso e á contribución do Clube de Fútbol Cañiza.

Horario

Día 1 de agosto de 2026, ás 21h no Salón de Plenos do Concello da Caniza