Espectáculo infantil «Son Animal» de Paco Nogueiras
A música e os animais chegan á Praza Maior da Caniza!
O domingo 9 de agosto, ás 22:00 horas, a Praza Maior acollerá "Son Animal", o novo espectáculo musical de Paco Nogueiras, unha proposta familiar chea de ritmo, humor e participación para desfrutar xuntos dunha noite inesquecible.
En "Son Animal", os sons dos animais máis próximos convértense en divertidas cancións que convidan ao público a cantar, bailar e xogar. O bruar dunha vaca, o miañar dun gato, o ladrar dun can, o cacarexar dunha galiña ou o zunido dun mosquito son o punto de partida dunha viaxe musical por diferentes estilos, desde ritmos portugueses e do leste de Europa ata o rock and roll, as melodías andinas ou as fanfarrias circenses.
Pensado para público familiar, "Son Animal" promove o amor pola natureza, a biodiversidade e o mundo rural a través da música, o humor e a interacción constante co público, facendo que pequenos e maiores se convertan tamén en protagonistas do espectáculo.
Unha cita imprescindible que forma parte da programación do Verán de Lecer 2026.
Ven a cantar, bailar e descubrir o fascinante mundo animal da man de Paco Nogueiras. Agardámosvos!
Domingo 9 de agosto de 2026, ás 22h, na Praza Maior da Caniza