III Concerto de Música Clásica «Igrexa Parroquial de Valeixe». Actuación do cuarteto Ars Bohemia
A Igrexa Parroquial de Santa Cristina de Valeixe abre o verán cultural cun concerto de música clásica
O Concello da Caniza presenta na Igrexa de Santa Cristina de Valeixe o III concerto de música clásica que ofrecerá o prestixioso Cuarteto Ars Bohemia o vindeiro sábado 20 de xuño, ás 20:00 horas, nun dos espazos patrimoniais con mellor acústica do municipio.
O Alcalde Luis Piña, presentou esta actuación acompañado polo párroco de Santa Cristina de Valeixe, José María Vázquez, e pola presidenta da Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera, Nieves García-Soto.
Ars Bohemia está consolidada como unha das formacións camerísticas de referencia no panorama musical galego. A agrupación desenvolve unha intensa actividade concertística, levando aos escenarios un repertorio que percorre diferentes épocas e estilos da música clásica con interpretacións de gran nivel artístico.
Segundo comentou o Alcalde na presentación, “este III concerto na Igrexa Parroquial dá continuidade á aposta cultural do Concello por achegar a música clásica á veciñanza, consolidando a Igrexa de Santa Cristina de Valeixe como un espazo de referencia para a celebración de recitais e concertos de cámara”.
“Tras o éxito das actuacións celebradas en anos anteriores, o Concello volve programar unha proposta musical de calidade nun enclave patrimonial de excepción, onde a riqueza artística e a singular acústica do templo contribúen a crear unha experiencia cultural única”.
Este concerto forma parte da programación do Verán Cultural da Caniza 2026, unha ampla proposta de lecer deseñada polo Concello para os meses de verán, na que teñen cabida propostas culturais, deportivas e de ocio, pensadas para todos os gustos e públicos.
Sábado 20 de xuño de 2026, ás 20h
Programa do Concerto
- "Nocturno" d-moll — Pyotr Tchaikovsky
- "The Salley Gardens" — Benjamin Britten
- "Ständchen" (Serenate) — Franz Schubert
- "Kol Nidrei" — Max Bruch
- "Serenate" — Enrico Toselli
- "Hai Luli" — Pauline Viardot
- "Havanaise" (Habanera) — Pauline Viardot
- "Adagio" — T. Albinoni / R. Giazotto
- "Salut d'Amour" — Edward Elgar
- "Ouvre ton coeur" — Georges Bizet
- "Ariette" de "Romeo y Julieta" — Charles Gounod
- "La Spagnola" — Vicenzo Di Chiara - Propina -
Componentes
- Serghei Maximov — Violín
- Masha Maximov — Violonchelo
- Katerina Linke — Piano
- Beatriz Riobó — Soprano
Sobre a formación ARS BOHEMIA
O grupo Ars Bohemia está formado por músicos de distintas xeracións e nacionalidades, unidos pola súa paixón pola música e polo seu desexo de transmitir ao público a súa experiencia e talento.
O repertorio está arranxado polo seu director, Serghei Maximov, quen consegue recrear a sonoridade dunha orquestra cunha formación reducida.
SERGHEI MAXIMOV
Director e viola
Comezou os seus estudos musicais aos seis anos en Krivói Rog (Ucraína). Entre 1977 e 1981 cursou estudos no Colexio de Música de Krivói Rog, especializándose en viola baixo a dirección do mestre Yuri Shiman.
Entre 1981 e 1986 graduouse no Conservatorio Superior Estatal de Moldavia, onde obtivo os títulos de violinista concertista, profesor de violín e viola, e profesor de música de cámara e orquestra. Paralelamente, entre 1983 e 1986 estudou Dirección de Orquestra co profesor Alexandru Samoile, director principal da Orquestra Nacional da Ópera de Moldavia.
Traxectoria profesional
- 1985-1988: Membro da Orquestra Filharmónica Nacional de Moldavia.
- Desde 1988: Segundo concertino da Orquestra Nacional de Cámara de Moldavia e membro da Orquestra Sinfónica Europea.
- 1990-1992: Integrante da Orquestra Nacional da Ópera de Moldavia.
- 1989-1999: Profesor de violín e orquestra na Escola Superior de Música de Moldavia.
Durante estes anos participou en numerosas xiras internacionais por Italia, Francia, Alemaña, España, Suíza, Rusia, Romanía, Estados Unidos, Bélxica e Israel.
Desde 1999 reside en España, onde colaborou coa Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra de Estremadura e a Real Filharmonía de Galicia.
Foi profesor de viola en diversos conservatorios galegos e actualmente exerce a docencia no Conservatorio de Música Copérnico de Vigo, ademais de colaborar con outros centros de ensinanza musical de Galicia.
Como integrante de diversas agrupacións de cámara actuou en numerosos concertos organizados pola Xunta de Galicia, sociedades filharmónicas e entidades culturais.
Desde 2022 é membro da Orquestra Sinfónica de Pontevedra.
MASHA MAXIMOV
Violoncello
María Luisa Maximov Álvarez naceu en Vigo no seo dunha familia de músicos.
Comezou os seus estudos de violoncello aos catro anos coa profesora Tatiana Cuccerenco. Posteriormente continuou a súa formación no Conservatorio de Música e Danza Coppelia de Vigo co profesor Alejandro Costas Martínez e ampliou os seus estudos co profesor Minas Kucinskas.
No ano 2023 obtivo o Segundo Premio no Concurso Cidade de Vigo.
Formou parte da Orquestra Sinfónica de Pontevedra e participa regularmente en concertos de música de cámara.
KATERINA LINKE
Piano
Katerina Linke é pianista e compositora nada en Rusia. A súa traxectoria artística combina a interpretación, a docencia e a creación musical.
Formada na tradición clásica europea, desenvolve unha linguaxe musical propia que integra influencias do impresionismo, o jazz, o minimalismo e a electrónica.
Desenvolveu a súa carreira profesional en Rusia, Xapón, España e Portugal. Desde 2009 reside en Galicia, onde compaxina a actividade concertística coa investigación e a creación artística.
Entre os seus recoñecementos destaca o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Mulleres Compositoras de Música de Cámara de Montreal (2024), ademais de ter sido finalista en diversos certames internacionais de composición.
Actualmente é profesora no Conservatorio Superior de Música da Coruña e mantén unha intensa actividade como pianista acompañante e concertista.
Colaborou con numerosos artistas, entre eles Serafín Zubiri, e participa habitualmente en concertos de música de cámara.
BEATRIZ RIOBÓ AGUIAR
Soprano
Realizou os seus estudos superiores de canto baixo a dirección da profesora Teresa Novoa.
Posúe o título superior de Gaita Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, é licenciada en Filoloxía Xermánica pola Universidade de Vigo, realizou estudos de perfeccionamento vocal no Royal College of Music de Londres e obtivo un Máster en Investigación Musical pola Universidade de Valencia.
Foi membro do Coro da Catedral de Santiago de Compostela e da Orquestra de Cámara de Lugo.
Entre 1997 e 2003 colaborou co Teatro Real de Madrid e actuou no Auditorio Nacional de Música baixo a dirección de prestixiosos mestres como Helmuth Rilling, Krzysztof Penderecki, Jesús López Cobos, Antoni Ros Marbà e Peter Schneider, entre outros.
Realizou xiras por Italia, Suíza, Canadá, Bélxica, Francia, Portugal, Estados Unidos e Inglaterra.
Entre os seus méritos destacan diversos premios e recoñecementos internacionais, así como a súa participación en producións operísticas como Rigoletto e La Traviata.