Aprobada a política de seguridade da información do Concello

O Alcalde asinou hoxe o Decreto de aprobación.

Esta política derívase do tratamento de datos e da relación electrónica que os cidadáns manteñen hoxe en día coa administración.

 

  • A aprobación desta Política permite  cumprir co Real Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica
  • Este  esquema está constituído polos principios básicos e requisitos mínimos requiridos para unha protección adecuada da información.
  • É de aplicación nas administracións públicas para asegurar o acceso, integridade, dispoñibilidade, autenticidade, confidencialidade,  trazabilidade e conservación dos datos, informacións e servizos utilizados nos medios electrónicos que xestionan no exercicio das súas competencias.

 

O Concello no empeño por cumprir coas súas funcións e competencias, pon ao dispor da cidadanía os servizos públicos e actividades necesarias para satisfacer as aspiracións e intereses do municipio e dos veciños.

Para potenciar a súa misión pública, fai uso das tecnoloxías apropiadas e pon en valor a relación electrónica cos cidadáns, creando a confianza necesaria baseada nun sistema de seguridade da información integral e que alcanza a toda a institución, polo que se considera necesaria a aprobación desta Política de Seguridade.

A aprobación por parte do Concello desta política reforzará a relación de confianza entre os cidadáns e a administración, xa que os servizos disponibles por medios electrónicos se prestarán en condicións de seguridade equivalentes ás que se poden prestar presencialmente.

Un dos riscos que ameazan á seguridade da información e aos servizos prestados de forma electrónica son as accións malintencionadas ou ilícitas, erros ou accidentes, polo que é necesario reforzar estes mecanismos aplicando unhas mínimas medidas de seguridade para as diferentes áreas e servizos prestados polo Concello. Servizos que deben de estar preparados para prevenir, detectar, reaccionar e recuperarse de incidentes, garantindo a continuidade na prestación dos servizos cunha calidade e seguridade axeitada.

Nos vindeiros días nomearase tamén un Comité de Seguridade  da información que será o encargado de velar para que se cumpla esta Política de Seguridade no Concello da Cañiza. Estará composta por un responsable da información, responsable de seguridade, responsable do servizo, responsable dos sistemas, administrador de seguridade, secretario do Comité e un Delegado de Protección de Datos.