A Caniza acolleu con gran éxito o I Certame de Moda para Deseñadores Noveles José Castro
-
O Auditorio da Casa de Cultura celebrou este sábado unha gala que rendeu homenaxe ao deseñador canicense José Castro e que puxo en valor o talento das novas xeracións da moda.
O Auditorio Municipal da Caniza acolleu este 12 de setembro o «I Certame de Moda para Deseñadores Noveles José Castro», unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural e Artística Jose Castro», que contou coa colaboración do Concello e que conseguiu emocionar aos asistentes nunha xornada marcada polo talento e o recordo a un dos grandes referentes da moda nacido na Caniza.
O Alcalde da Caniza, que tamén estivo presente no Certame, acompañado polos Concelleiros de Goberno María José Rodríguez, Paula Bacelar e Rubén Muiños, trasladou a súa felicitación e recoñecemento á Asociación Cultural e Artística Jose Castro, á familia do deseñador e a todo o equipo humano implicado no certame (máis de 60 profesionais), polo éxito acadado, subliñando a importancia de seguir facendo medrar o legado do deseñador canicense.
Luis Piña puxo en valor a figura de José Castro, ao que definiu como un home extraordinario e un referente da moda a nivel nacional, cuxa traxectoria internacional levou o nome da Caniza a importantes escenarios do mundo do deseño. Neste sentido, destacou a importancia de que o seu legado continúe impulsando iniciativas que, ademais de recoñecer a súa traxectoria profesional, permitan xerar novas oportunidades para as xeracións futuras.
O certame reuniu a nove «novas» deseñadoras finalistas, que presentaron as súas coleccións ante o público asistente e ante un xurado integrado por profesionais vinculadas á traxectoria do deseñador homenaxeado.
As propostas participantes foron:
-
NOCONT-ROLES, de Nerea Vázquez Giráldez.
-
@THEBIRTHDAYGIRL, de Rosalía Novas Martínez.
-
DUENDE, de Noa Vázquez.
-
A-1, de Frifri.
-
SEREIA, de Paula Pereira/P3XPE.
-
INOCENCIA, de Laura Griffo.
-
HARUKI, de Studio Marta Pujales.
-
CON NÓS, de Manuela Herranz.
-
A PORTRAIT OF ME AND GALICIA, de Uxía Loureiro Caamaño/Clouxi.
O premio único, dotado con 1.000 euros, foi para Marta Pujales, pola súa colección HARUKI. O xurado destacou da súa proposta, entre outros aspectos, o traballo de investigación realizado, a utilización das superficies téxtiles e a paleta de cor para trasladar os conceptos da colección, así como o nivel técnico na construción das siluetas, patronaxe e a manipulación téxtil.
O Alcalde tamén quixo destacar a participación neste concurso de dúas deseñadoras da Caniza, Nerea Vázquez Giráldez e África Álvarez (Frifri), ás que felicitou polos seus traballos, desexándolles grandes éxitos na súa etapa profesional.
Máis alá da competición, a xornada converteuse nunha homenaxe a José Castro e nunha proposta cultural multidisciplinar que combinou moda, música, poesía e artes escénicas. A programación contou coas actuacións de Mónica Flyn, Pedro JG, Xisco Feijóo e Samuel Merino, ademais dunha videohomenaxe ao deseñador realizada por Alba Casas.
Con esta primeira edición, A Caniza rende homenaxe á memoria de José Castro e abre unha nova vía para que o seu nome e o seu legado continúen vinculados ao apoio a mozos creadores e á promoción da cultura e o talento.
Noraboa e parabéns por todo o conseguido nesta 1ª Edición.
Galería multimedia