A Cañiza pon en marcha unha nova edición do proxecto «Violetas», centrada na promoción da Igualdade e prevención da violencia de xénero
Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello da Cañiza prepárase para poñer en marcha unha nova edición do seu proxecto municipal “VIOLETAS”, unha iniciativa centrada na promoción da igualdade e na prevención da violencia por razóns de xénero.
Ao longo do mes de abril, o Concello da Cañiza, en coordinación co profesorado do CPI da Cañiza, desenvolverá este proxecto educativo dirixido ao alumnado de diferentes etapas, co obxectivo de fomentar valores de respecto, igualdade e convivencia saudable.
PROGRAMA «VIOLETAS»
Para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO desenvolveranse os seguintes obradoiros:
O obradoiro “Somos quen de construír a nosa historia” abordará, entre outros contidos, o desenvolvemento de ferramentas que permitan ao alumnado fortalecer a súa autoestima e avanzar cara a niveis máis saudables de benestar persoal, mellorando a súa saúde física, psicolóxica e emocional. Ademais, promoverase a reflexión sobre a propia imaxe persoal e o autoconcepto, cuestionando os cánones de beleza e éxito persoal impostos socialmente.
Co alumnado de 2º da ESO:
Traballarase a construción de relacións persoais baseadas no respecto e na tolerancia, afastadas dos mitos do amor romántico, así como a análise do uso das redes sociais como posible espazo de novas formas de violencia. Este obradoiro leva por título “Mocidade e igualdade: fomentando relacións afectivas baseadas no bo trato”.
Para o alumnado de 3º da ESO:
Estará dirixida a actividade “Xénero Versos”, na que, como en anos anteriores, na que o alumnado elaborará as súas propias composicións musicais en contra daquelas composicións nas que nas letras das mesmas se identifican mensaxes desigualitarios e de carácter sexista en contra da figura da muller. A través das letras das súas cancións expresarán o seu rexeitamento ás situacións de desigualdade e maltrato, ao tempo que trasladarán mensaxes que promovan as habilidades adquiridas como o respecto, igualdade e tolerancia.
Para o alumnado de 4º da ESO:
Desenvolverase o obradoiro “Vínculos amorosos dende a perspectiva de xénero”, no que se abordarán contidos como:
- Reflexión sobre as diferenzas entre sexo e xénero no marco das relacións afectivo-sexuais.
- Análise das relacións afectivas e amorosas na mocidade.
- Identificación dos distintos tipos de violencia que poden darse nas relacións afectivo-sexuais e ferramentas para a súa prevención.
- Vínculos afectivos: conflitos, negociacións, prácticas de risco e información sobre ITS
As actividades que compoñen o proxecto VIOLETAS están financiadas a través da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra, dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.