Clausuramos o V curso de «Capacitación Dixital»

O Alcalde clausurou esta mañá o V Curso de Capacitación Dixital, unha iniciativa formativa que se desenvolveu entre o 19 de febreiro e o 5 de marzo de 2026 no Edificio Multiusos.

Este programa estivo dirixido a persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos, co obxectivo de mellorar as competencias tecnolóxicas da veciñanza e fomentar a súa autonomía no ámbito dixital.

O curso forma parte da aposta municipal pola formación tecnolóxica da cidadanía e constitúe xa o quinto curso de capacitación dixital impartido polo Concello desde comezos deste ano 2026, unha iniciativa que busca contribuír a reducir a fenda dixital e facilitar que a poboación poida desenvolverse con seguridade e solvencia no entorno tecnolóxico actual.

Durante a clausura, o Alcalde destacou a importancia de seguir impulsando este tipo de accións formativas que permiten á veciñanza adquirir ferramentas prácticas para o día a día, desde o uso básico de dispositivos ata a realización de trámites en liña ou a navegación segura pola rede.

A formación desenvolveuse en horario de 9:00 a 14:00 horas e estruturouse en distintos módulos adaptados aos diferentes niveis de coñecemento dixital, entre eles: competencias dixitais básicas, competencias avanzadas, autonomía dixital para a realización de trámites en liña, uso seguro da tecnoloxía e ciberdefensa, entre outros contidos orientados a reforzar o uso responsable e eficaz das ferramentas tecnolóxicas.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e está financiada pola Unión Europea – NextGenerationEU, en colaboración co Goberno de España – Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e desenvólvese a través de BIC Formación e ARA Formación.