Crónica do Trofeo Xamón – Pretempada 25/26
O pasado sábado 16 de agosto, o campo de Augas Férreas acolleu unha nova edición do Trofeo Xamón, torneo organizado polo Concello da Cañiza dentro da programación da 59ª Festa – Feira do Xamón, e que contou coa colaboración e apoio do Club de Fútbol Cañiza, ao que se lle agradeceu de maneira especial a súa implicación e traballo.
Torneo feminino
O Campionato arrancou ás 18:00 horas co partido disputado entre o C.F. Cañiza feminino e o Balaídos C.F.. O equipo local impúxose acadando a vitoria nun encontro que serviu de carta de presentación para a tempada que está a piques de comezar.
Torneo masculino
Ás 20h chegou a quenda do triangular masculino, no que participaron o Arbo C.F., o Covelo C.F. e o anfitrión C.F. Cañiza. O conxunto local tamén conseguiu impoñerse nos seus partidos, proclamándose campión do torneo.
O Alcalde, Luis Piña, felicitou ao club anfitrión polos éxitos acadados e a todos os equipos participantes pola súa entrega e deportividade, destacando o valor deste trofeo como parte da identidade da Festa – Feira do Xamón.
A xornada pechouse cun ambiente festivo, unindo deporte e tradición baixo o lema: #NonNosAchicamos.
Galería multimedia