DECLARACION INSTITUCIONAL
Da FEMP, Federación Española de Municipios e Provincias, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller: 8 de marzo
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
“O artigo 14 da Constitución española proclama o dereito á igualdade e á non discriminación por razón de sexo. Pola súa banda, o artigo 9.2 consagra a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas.
A igualdade entre mulleres e homes é un principio xurídico universal recoñecido en diversos textos internacionais sobre dereitos humanos, entre os que destaca a Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, aprobada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en decembro de 1979 e ratificada por España en 1983. Neste mesmo ámbito procede evocar os avances introducidos por conferencias mundiais monográficas, como a de Nairobi de 1985 e Beijing de 1995.”
Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo,
para a igualdade efectiva de mulleres e homes
Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e con ocasión do 15 aniversario da aprobación da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, os Concellos, Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares reunidos na FEMP asinan a presente Declaración Institucional para recoñecer os avances alcanzados, lembrar os retos aínda pendentes e alertar sobre os perigos que axexan os logros conseguidos.
Así, o 15 de marzo de 2007, o Congreso dos Deputados en pleno aprobaba unha lei que aspiraba a facer efectivo o dereito de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, dirixida a combater todas as manifestacións aínda subsistentes de discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo e a promover a igualdade real entre mulleres e homes, con remoción dos obstáculos e estereotipos sociais que impiden alcanzala.
Unha acción normativa que permitiu que, hoxe en día, poidéramos normalizar conceptos como corresponsabilidade e conciliación, principio de presenza equilibrada, linguaxe non sexista, plan de igualdade, permiso de paternidade ou protección fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo, e que a súa defensa e goce sexan recoñecidos e respectados tanto polos sectores públicos e privados como pola cidadanía, e recoñecidos máis aló das nosas fronteiras como exemplo de gobernanza e participación.
España está á vangarda da igualdade real entre mulleres e homes e a pesar diso, o camiño móvese entre os avances e as promesas e entre a consolidación e o risco, e o seu afianzamento depende da determinación incansable de quen defende a igualdade de xénero como un dereito humano recoñecido universalmente, necesario para o benestar, o crecemento económico, a prosperidade, a boa gobernanza, a paz e a seguridade.
Con todo, como xa alertou Nacións Unidas nun informe publicado en abril de 2020, a crise orixinada como consecuencia da pandemia provocada polo COVID-19 ameazaba o progreso limitado logrado en materia de igualdade de xénero e de dereitos das mulleres, e recomendaba formas para colocar o liderado e as contribucións das mulleres no corazón da resiliencia e a recuperación.
Nesta mesma liña, o Foro Económico Mundial advirte na 15ª edición do “Informe sobre a brecha de xénero a nivel global”, que a crise económica e a emerxencia sanitaria impactaron máis severamente en mulleres que en homes, levantando novas barreiras para construír economías inclusivas, provocando o retroceso nalgúns avances cara á paridade conseguidos antes da pandemia, principalmente nos ámbitos laboral e doméstico.
E tamén o fai a Organización Mundial do Traballo cando, en xullo de 2021, recomenda que a recuperación debe ter en conta a perspectiva de xénero para responder o compromiso de “avanzar na reconstrución con máis equidade” e advirte que, desde marzo de 2020, as mulleres sufriron perdas desmesuradas de emprego e ingresos, debido tamén á súa sobrerrepresentación nos sectores máis afectados.
Así, en liña co futuro Plan de Acción para a Igualdade de Xénero e o Empoderamento das Mulleres na Acción Exterior 2021-2025 ( GAP III) da UE, é necesario salvagardar os logros conseguidos en materia de igualdade de xénero e acelerar na promoción da igualdade de xénero como unha prioridade en ámbitos temáticos estratéxicos co fin de acelerar o progreso cara aos obxectivos mundiais, incluídos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) que constitúen o núcleo da Axenda 2030.
É por iso polo que os Gobernos locais reunidos na FEMP convidamos a todas as Entidades Locais a adherirse a esta Declaración e RECOÑECEMOS:
- Todas as manifestacións que reclaman igualdade de dereitos e responsabilidades para homes e mulleres como propias.
- Que a inclusión a escóita é parte do proceso de mellora da sociedade.
- Que a pandemia está a ocasionar un impacto negativo nos dereitos das mulleres e alertamos sobre as consecuencias que este retroceso suporá para as xeracións futuras.
- Que o investimento da paridade de xénero nos postos de liderado impulsará a participación das mulleres en postos de toma de decisións.
- Que o traballo de coidado non remunerado é un pilar fundamental da resposta á pandemia e como tal, debe ser visibilizado e valorado.
- Que o investimento na economía do coidado é un investimento en infraestrutura social con altos retornos para a economía e a sociedade e que, por tanto, debe ser considerado como sector xerador de emprego.
- Que resulta necesario intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego e o emprendemento, a educación para a igualdade de oportunidades, a incorporación das mulleres á sociedade da información e o apoio ás mulleres que viven no ámbito rural.
- Que é imprescindible desenvolver sistemas de recompilación de datos desagregados para comprender e abordar as desigualdades de xénero para que, da súa análise, podamos ofrecer unha resposta apropiada e eficaz.
- Que é preciso dotar ás Entidades Locais dos medios necesarios para levar a cabo as competencias outorgadas na Lei Reguladora de Bases de Réxime local para garantir o impulso de actuacións que contribúan á convivencia, o progreso e o desenvolvemento social e económico sostible.