- O Alcalde Luis Piña e o Xerente da Asociación, Rafa Álvarez, acompañados do equipo profesional do programa “Achego” na Cañiza, a traballadora social Sara Gómez e a psicóloga Eva Caparroz, ratifican esta nova colaboración que contempla unha dotación económica para a Asociación de 2.919,19 €/ano e a cesión gratuíta da instalación municipal no Edificio Multiusos para a atención do servizo.
- Unha colaboración que permitirá atender a veciñas e veciños da Cañiza e aos seus familiares, dentro do programa “ACHEGO” e o “Servizo de Información e Asesoramento en Saúde Mental”.
O Alcalde Luis Piña manifestou esta mañá a súa satisfacción por renovar esta colaboración que permitirá continuar traballando con “Avelaíña”.
Unha entidade que xa leva desenvolvendo a súa actividade no noso Concello dende o ano 2016. Colaboración que non se formaliza e oficializa ata o ano 2021. Neste 2024 volve a renovarse coa aprobación do Convenio o pasado 15 de novembro, garantindo a continuidade da atención na Cañiza, a través do Programa «Achego». Un programa que tenta aproximar a atención á saúde mental e proporcionar o apoio necesario e unha primeira toma de contacto ás persoas que sofren, directa ou indirectamente, algún problema de Saúde Mental”.
Avelaiña cunha andadura profesional de 27 anos e centros na Guarda, Baiona, Ponteareas e A Cañiza, ten por finalidade procurar a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.
Na nosa localidade presta os seus servizos nas instalacions do 1º andar do Edificio Multiusos, na rúa Progreso, 21 onde dispón dun aula e dous despachos para atención grupal e individual.
A atención en saúde mental no ámbito rural do Paradanta é unha necesidade urxente.
- No ano 2016, traballadoras sociais das comarcas de O Condado e A Paradanta detectaron a gran urxencia e necesidade de atención en saúde mental e solicitaron a intervención na zona. No rural galego, a necesidade de recursos é aínda maior, pois trátase dunha poboación con escasos servizos e recursos públicos de proximidade, con dificultades de desprazamento ata as urbes pola falta de transporte e cun acusado envellecemento.
- A Asociación Avelaíña decide responder a esta demanda e comeza a prestar atención á saúde mental nesta comarca, continuando co proceso de expansión iniciado anos antes noutras zonas de Pontevedra.
- Deséñase o proxecto “Achego”, para intentar aproximar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e ós seus familiares en ambas comarcas.
- Tras a selección do proxecto pola Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (FEAFES Galicia) e con fondos da Consellería de Política Social, o proxecto ponse en marcha, atopando unha situación máis grave da esperada.
- Deséñase entón un programa máis amplo para as comarcas de O Condado, A Paradanta e o Concello de Salceda de Caselas, onde se plantexa un traballo máis comunitario no contexto do rural galego, creando un recurso de proximidade en saúde mental aberto á poboación.
- O obxectivo deste servizo é informar sobre os diferentes recursos e/ou procedementos vinculados á Saúde Mental, e asesorar, orientar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, co obxectivo final de favorecer a integración social comunitaria das persoas afectadas.