EXPOSICIÓN DE PINTURA DE LOLI CALVELO «Al óleo sobre Lienzo»
O Concello acolle, do 10 ao 14 de agosto, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a exposición de pintura «Al óleo sobre Lienzo» da artista canicense Loli Calvelo. En horario de 8 a 15h.
A exposición foi inaugurada este luns, ás 12 do mediodía, no Salón de Plenos da Casa do Concello, nun acto presidido polo Alcalde, Luis Piña, e a protagonista Loli Calvelo. Ambos agradeceron a presenza do público e o feito de compartir con ela este momento tan especial, no que se presenta unha pequena mostra da súa dilatada traxectoria artística, que comeza antes do ano 1994 cando expón a súa primeira mostra en Portonovo. Logo seguirían exitosas exposicións na Coruña, Vigo, Lugo e Madrid.
Durante o acto o Alcalde deu a benvida a Loly á Casa do Concello, sinalando o honor que supón para o Concello poder contar con esta exposición e cunha obra chea de cor e forza expresiva. Luis Piña destacou tamén a riqueza da obra, na que a figura da muller ocupa un lugar protagonista, representada ao longo das distintas etapas da vida, desde a nenez e a adolescencia ata a maternidade.
Desde finais dos anos oitenta Loli Calvelo desenvolveu unha intensa actividade expositiva, participando en diversas mostras individuais e colectivas en distintos espazos culturais de Galicia, onde deu a coñecer unha obra marcada polo rigor técnico, a sensibilidade artística e unha fonda paixón pola creación pictórica.
O seu traballo desenvólvese principalmente ao óleo sobre lenzo e caracterízase por un estilo de inspiración realista, no que destacan a coidada composición, a riqueza cromática e o tratamento da luz. Nas súas obras predominan as paisaxes, as flores, os bodegóns e outros motivos da natureza, representados cunha mirada serena e cunha especial atención ao detalle, convertendo cada cadro nunha expresión de equilibrio, harmonía e beleza.
A súa pintura constitúe unha expresión de sensibilidade, constancia e compromiso coa arte, valores que se reflicten en cada unha das súas creacións. A estas características súmase unha marcada presenza da cor, que dota ás súas obras dunha particular intensidade e dunha gran forza expresiva.
Con esta exposición, o Concello ofrece a oportunidade de coñecer de preto a obra dunha artista que fixo da pintura unha forma de expresión persoal e un medio para transmitir a beleza da natureza e da contorna que a inspira.
Galería multimedia