Hoxe tivo lugar a apertura do “Peto Solidario” destinado á loita contra o cancro, cunha recadación total de 477,20 €.

Trátase dunha iniciativa promovida por terceiro ano consecutivo por Patricia Paramés e Edi Márquez, en colaboración cos Concellos da Cañiza e de Melón, co obxectivo de recadar fondos, a través de andainas solidarias, para apoiar á Asociación Cancro de Mama “ASCAM Pilar Domingo” de Ponteareas.

A apertura do peto solidario celebrouse no Concello, coa presenza dos Alcaldes da Cañiza e de Melón, Luis Piña e Emilio Díaz, así como das veciñas da Cañiza Patricia Paramés, representante de ASCAM na Cañiza, e Socorro Castro. Todas elas promotoras e impulsoras de diversas accións solidarias destinadas á recadación de fondos para a asociación, ademais de responsables de dar visibilidade ás accións, programas e apoios que ASCAM ofrece en Ponteareas.

Dentro destas accións destacou especialmente a organización de tres andainas solidarias baixo o lema « III Roteiro das Promesas», celebradas durante os meses de outubro e novembro deste 2025:

  • 1ª andaina, cun itinerario da Cañiza ao Burgo (Melón).
  • 2ª andaina, dende o Santuario ata o Alto da Franqueira.
  • 3ª andaina, de carácter nocturno, novamente dende a Cañiza ao Burgo (Melón).
  • Ademais, ao longo destes meses, o peto solidario tamén estivo depositado no comercio “Mi Vestidor”

Todas estas andainas levaron aparelladas achegas económicas que foron depositadas no peto e que se abriron esta mañá no Salón de Plenos. O reconto final ascendeu á cantidade de 477,20 €, que será entregada á Asociación para continuar sufragando as distintas accións e actividades promovidas por ASCAM, entre as que se atopan:

  • .Campañas de subvencións de suxeitadores para próteses, panos e turbantes.
  • Desenvolvemento do programa “Cuerpo y Mente”, que ofrece clases de ioga, pilates e talleres de meditación, relaxación e pranayama.
  • Programa “Ao Teu Lado”, que proporciona atención psicolóxica.
  • Programa “Sabores”, baseado na atención nutricional.
  • Programa “Bonita”, consistente no préstamo de pelucas, así como asesoramento e coidado da propia imaxe.

Un ano máis, os Alcaldes felicitaron á asociación pola súa inestimable labor na loita contra esta enfermidade e quixeron aplaudir e agradecer o esforzo, a implicación e a solidariedade dos veciños e veciñas que fixeron posible esta iniciativa tan necesaria.