Novamente temos a honra de felicitar ao Club Balonmán Cañiza pola revalidación da Copa Galicia feminina
- O equipo feminino canicense proclamouse un ano máis campión de Galicia tras vencer ao seu rival por 29-25 na final disputada este domingo en Tui.
O Alcalde trasladou a súa felicitación ao Club e, especialmente, ao seu equipo feminino pola conquista, por segundo ano consecutivo, da Copa Galicia de Balonmán.
Luis Piña quixo destacar a importancia deste novo éxito deportivo para o municipio e salientou o traballo realizado polas xogadoras, o corpo técnico e a directiva do club, así como o apoio dunha afección que volveu demostrar o seu compromiso co equipo.
“Noraboa ás xogadoras, corpo técnico, directiva e a toda a afección. Campioas de novo!”, sinalou o Alcalde, quen destacou que este novo título supón un motivo de orgullo para toda a Caniza e confirma o excelente momento que está a vivir o balonmán canicense.
O encontro contou cunha importante presenza de afeccionados e afeccionadas da Caniza nas bancadas, que acompañaron e animaron ao equipo durante toda a final. O Alcalde puxo en valor este apoio, que contribuíu a converter a xornada nunha nova celebración colectiva para o municipio.
Luis Piña asistiu á final acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Mª José Rodríguez, e compartiu a xornada, entre outras autoridades e representantes deportivos, co Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e co Presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina.
Ao remate do encontro, o Alcalde da Caniza, xunto co Presidente da Federación, tivo a honra de facer entrega da Copa de campioas ao equipo canicense.
Con esta nova conquista, o Club Balonmán Cañiza continúa levando o nome do municipio ao máis alto do balonmán galego e suma un novo éxito á súa traxectoria deportiva.
Desde o Concello queremos trasladar o noso recoñecemento e felicitación a todas as integrantes do equipo, ao corpo técnico, á directiva e á afección, agradecendo o esforzo, compromiso e apoio e celebrando conxuntamente un novo título para o deporte canicense.
Noraboa, campioas!
Galería multimedia