O Alcalde da Caniza recibe no Concello ás delegacións dos equipos participantes na fase de ascenso á División de Honra Ouro feminina de balonmán
O Alcalde Luis Piña recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Concello ás delegacións dos catro equipos que competirán desde esta tarde na fase de ascenso á División de Honra Ouro feminina de balonmán, que se celebra na localidade entre os días 8 e 10 de maio.
No acto participaron representantes do BM Marni Rosval (Valencia), Lauko Ermuko Errotabarri (Ermua- - Bizkaia), Helvetia Montequinto (Dos Hermanas -Sevilla) e do Balonmán Cañiza, club anfitrión desta fase decisiva polo ascenso.
Durante a recepción institucional, o Alcalde deu a benvida ás delegacións, xogadoras, corpos técnicos e directivos á vila, agradecendo a súa presenza e desexándolles “a mellor estancia posible durante estes días na Caniza”, así como unha competición marcada polo compañeirismo, o respecto e o bo ambiente deportivo.
Luis Piña quixo trasladar tamén os seus parabéns ás xogadoras dos catro equipos “polo esforzo, traballo e compromiso demostrados durante toda a tempada, que lles permitiu chegar ata esta fase de ascenso que hoxe temos a satisfacción de celebrar na nosa localidade”.
Destacou ademais o importante traballo organizativo que está realizando o Balonmán Cañiza para que esta fase se desenvolva nas mellores condicións posibles, “sen escatimar esforzos para organizar a mellor fase e converter A Caniza no epicentro do balonmán feminino nacional durante esta fin de semana”.
O Alcalde agradeceu tamén a colaboración das institucións implicadas e o apoio da Real Federación de Balonmán para facer posible a celebración desta fase de ascenso, destacando a importancia do traballo conxunto para acoller eventos deportivos deste nivel.
A competición disputarase no pavillón municipal Carballo do Marco en formato de liga a unha volta, ascendendo á División de Honra Ouro o equipo que remate na primeira posición do grupo.