O Alcalde Luis Piña entrega parte dos premios do terceiro sorteo da campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal»
O Concello realizou esta mañá a entrega parcial dos premios correspondentes ao 3º sorteo da campaña de fidelización comercial «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal», celebrado o pasado 23 de xaneiro.
O acto estivo condicionado pola activación da alerta vermella de Protección Civil por fortes choivas no interior da provincia de Pontevedra, emitida pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a través do sistema AXEGA 112.
Debido a esta situación meteorolóxica adversa, non todas as persoas premiadas puideron desprazarse ata o Concello, polo que a entrega realizouse unicamente ás persoas que non tiveron complicacións para achegarse, procedéndose á recollida dos premios con normalidade.
Segundo comunicou o Alcalde, o resto das persoas depositarias dos premios poderá recollelos ao longo de toda esta semana, presentando o boleto premiado nas oficinas xerais do Concello da Cañiza, que permanecerán abertas de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas.
Os premios do terceiro sorteo ascenden a un importe total de 1.000 € en vales de compra, distribuídos en bonos de 10 €, que poderán empregarse nos establecementos da vila adheridos á campaña.
A campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal», activa desde o 15 de decembro e ata o 5 de febreiro de 2026, está promovida polo Concello da Cañiza en colaboración coa Asociación de Comerciantes, co obxectivo de impulsar o consumo de proximidade e apoiar o pequeno e mediano comercio local.
Desde o Concello agradécese a comprensión da veciñanza ante esta situación excepcional derivada das condicións meteorolóxicas e felicítase ás persoas premiadas, animando aos veciños a continuar participando na campaña.