O Alcalde Luis Piña visita ao alumnado do curso de Capacitación Dixital en Intelixencia Artificial

O Alcalde visitou esta mañá aos alumnos do curso de Capacitación Dixital en Intelixencia Artificial, unha acción formativa de 30 horas de duración, posta en marcha polo Concello dentro do seu programa de impulso das competencias dixitais para os veciños.

A visita tivo lugar na Aula 3 do Edificio Multiusos, onde se está a desenvolver esta formación presencial na que participan 20 alumnos de entre 18 e 65 anos. Durante o encontro, o Alcalde interesouse polo desenvolvemento do curso e coñeceu de primeira man os contidos e aplicacións prácticas que se están a traballar arredor da intelixencia artificial.

No transcurso da visita, Luis Piña felicitou ao alumnado polo seu interese e aproveitamento da formación e agradeceu ao equipo docente e á empresa formadora, ARA Formación, polo seu traballo e implicación, destacando a calidade da acción formativa e a súa utilidade práctica para o día a día.

O curso desenvólvese do 8 ao 15 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, é totalmente gratuíto e aborda contidos como os conceptos fundamentais da intelixencia artificial, o prompting, o uso de ferramentas xerativas para a creación de contidos e a aplicación da IA na busca de emprego.

Esta iniciativa enmárcase nas accións impulsadas polo Concello da Cañiza para fomentar a inclusión dixital e mellorar as oportunidades laborais da veciñanza, apostando polo uso responsable e eficaz das novas tecnoloxías.