O Alcalde, Luis Piña, visita o Campamento de Nadal no seu último día de actividade

O Alcalde visitou no seu último día de funcionamento o Campamento de Nadal, unha iniciativa municipal destinada a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante o período de vacacións escolares.

Durante a súa visita, Luis Piña saudou ás 34 nenas e nenos participantes, así como á xerente da empresa encargada da organización e xestión do campamento, María Jesús Alonso Gómez, e ás catro monitoras responsables das actividades. O Alcalde interesouse polo desenvolvemento da programación e compartiu un tempo cos pequenos, que lle amosaron as distintas creacións de Nadal elaboradas a partir de refugallos, fomentando así a creatividade e a educación ambiental.

Como xesto simbólico de peche e celebración polo remate do programa, o Alcalde fixo entrega dun agasallo tanto ás nenas e nenos participantes como ás monitoras do campamento.

O Campamento de Nadal desenvolveuse os días 22, 23 e 26 de decembro, así como os días 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, nas instalacións da Casa da Cultura da Cañiza.

A actividade estivo dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, que ao longo destes días gozaron dunha programación variada de actividades lúdicas, educativas e creativas, adaptadas ás distintas idades e desenvolvidas nun espazo seguro e axeitado.

A empresa Xogoteca María Jesús Alonso Gómez resultou adxudicataria do contrato por un importe de 3.832 euros.

O prezo público do campamento estableceuse cunha tarifa progresiva en función do número de irmáns ou irmás inscritos: 33 euros para solicitudes individuais, 58,55 euros para solicitudes dobres e 66 euros para solicitudes triplas, favorecendo así o acceso das familias con máis dun menor participante.

Durante a visita, o Alcalde valorou moi positivamente a acollida desta edición do Campamento de Nadal, destacando a importancia de ofrecer un servizo de coidado e lecer para a infancia e, ao mesmo tempo, un apoio fundamental ás familias do municipio.

 

O Alcalde, Luis Piña, visita o Campamento de Nadal no seu último día de actividade

 

O Alcalde, Luis Piña, visita o Campamento de Nadal no seu último día de actividade

 

O Alcalde, Luis Piña, visita o Campamento de Nadal no seu último día de actividade