O Alcalde Luis Piña visita o Miradoiro do Montouto, un proxecto turístico estratéxico nun enclave singular

O Alcalde visitou o Miradoiro do Montouto, unha actuación recentemente finalizada que reforza a oferta turística, paisaxística e ambiental do municipio e que se sitúa nun dos emprazamentos máis singulares e estratéxicos do territorio. Nesta visita estivo acompañado por Concelleiros do Goberno, persoal traballador do Concello e técnicos do proxecto.

Unha obra que contou cun investimento de 89.185,46 €, financiado ao 100 % cunha axuda de 59.185,46 € da Deputación de Pontevedra, a través do Plan + Provincia 2025, e unha segunda subvención de 30.000,00 € de Turismo de Galicia da Xunta, ao abeiro das axudas TU503D, destinadas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Segundo explicou o Alcalde Luis Piña, “o investimento da execución material destas obras ascendeu a 57.137,20 €, aos que houbo que engadir o 13 % de gastos xerais (7.427,84 €) e o 6 % de beneficio industrial (3.428,23 €). A estas cantidades tamén se sumou o 21 % de IVE (14.278,59 €), ademais dos honorarios de redacción do proxecto (5.530,89 €), os custos da dirección de obra (1.037,03 €) e da coordinación de seguridade e saúde (345,68 €), resultando un total de 89.185,46 €”.

A obra foi adxudicada á mercantil Construcciones Castro Figueiro SLU e estivo dirixida e coordinada por Óscar López Alba, responsable tamén da redacción do proxecto.

 

O Montouto entra a formar parte da Rede de Observatorios Nocturnos e Miradoiros do Xeodestino Condado – Paradanta.

O Alto do Montouto atópase a uns 940 metros de altitude, na parroquia de Achas, nunha zona de monte raso situada no límite entre os concellos da Cañiza e Covelo. Trátase dun enclave de gran valor paisaxístico e ambiental, cunha ampla visibilidade panorámica sobre os vales e montes da contorna e cunhas condicións excepcionais para a observación astronómica, grazas á baixa contaminación luminosa. Ademais, conta con bo acceso rodado desde a N-120, o que o converte nun punto privilexiado tanto pola súa accesibilidade como pola súa capacidade de acollida.

Este espazo estratéxico permite tamén a conexión visual con outros miradoiros xa existentes da Rede de Observatorios Nocturnos e Miradoiros do Xeodestino Condado – Paradanta, reforzando o carácter de rede e a lectura conxunta da paisaxe comarcal.

A colaboración coas entidades: factor clave para sacar adiante a actuación

A materialización deste novo activo turístico foi posible grazas a un proceso de colaboración iniciado o 23 de novembro de 2022, data na que se asinou un primeiro contrato de cesión dos terreos necesarios coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Lamosa, no concello de Covelo. Este acordo permitiu garantir a dispoñibilidade dos terreos necesarios para o desenvolvemento do proxecto no ámbito limítrofe entre ambos concellos.

Posteriormente, o 23 de xuño de 2025, o Alcalde Luis Piña asinou un novo acordo de cesión indefinida de terreo coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Achas. Este contrato resultou decisivo para completar a dispoñibilidade do solo necesario e permitir a execución e finalización do Observatorio Nocturno e Miradoiro Interpretativo do Montouto.

O proxecto «XANELA ABERTA Á PAISAXE»

Grazas a estes contratos de cesión, foi posible iniciar e executar unha infraestrutura que pasa a formar parte da Rede de Observatorios Nocturnos e Miradoiros do Xeodestino Condado – Paradanta, unha iniciativa supramunicipal orientada á promoción do turismo estelar, á divulgación ambiental e ao coñecemento da paisaxe como recurso cultural e económico.

A obra contou coas autorizacións de Medio Rural da Xunta de Galicia para realizar as actuacións en solo rústico, así como da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a instalación do observatorio e para o proxecto de control arqueolóxico.

A actuación realizada incluíu a creación dun miradoiro interpretativo, concibido como unha “xanela aberta á paisaxe”, con elementos arquitectónicos integrados no entorno que enmarcan as vistas e ofrecen distintas perspectivas segundo a orientación. Así mesmo, executouse un observatorio nocturno, equipado con bancadas e pezas circulares de pedra e madeira que permiten sentarse ou deitarse para a observación do ceo en condicións de comodidade e seguridade.

O proxecto complétase coa instalación dun planisferio astronómico, mesas e paneis interpretativos, sinalización direccional homologada e recursos dixitais accesibles mediante códigos QR, con contidos audiovisuais e información turística do concello.

Segundo comunicou o Alcalde na visita, “este proxecto representa un avance relevante para o desenvolvemento turístico, cultural e ambiental da Cañiza, ao fomentar novas oportunidades económicas e sociais, potenciar o uso responsable dos montes veciñais e reforzar a imaxe do municipio como destino natural e de divulgación científica”.

Así mesmo, sinalou que “este proxecto é un exemplo de cooperación entre institucións locais, que pon en valor un dos emprazamentos naturais máis singulares do noso concello e que xa é unha realidade ao servizo da veciñanza e das persoas visitantes”.