O Alcalde Luis Piña visita as obras de mellora da Escola Infantil Municipal de 0 a 3 anos

O Alcalde comprobou onte o avance dos traballos que se están desenvolvendo durante este mes de agosto na EIM da Caniza e que permitirán actuar sobre a orixe das humidades estruturais e mellorar as condicións de habitabilidade, seguridade e confort do centro. Nesta visita estivo acompañado polo arquitecto e director da obra, Pedro González Souto, pola aparelladora e director da empresa adxudicataria e pola directora da Escola Carmen Estévez.

A actuación, cun investimento de 47.372,67 euros, IVE incluído, está financiada integramente con fondos propios do Concello e foi adxudicada á empresa Multiservicios Renova S.L. mediante un procedemento de emerxencia. Os traballos teñen como principal finalidade dar unha solución integral aos problemas de humidades estruturais que o edificio arrastra desde a súa apertura, no ano 2010.

Durante a visita, o Alcalde puido comprobar a evolución das diferentes intervencións previstas no proxecto, deseñado para actuar directamente sobre a orixe das humidades e, ao mesmo tempo, reparar os danos que estas ocasionaron ao longo dos anos no interior das instalacións.

Entre as actuacións contempladas atópase a impermeabilización dos cerramentos, así como a reparación de paredes, falsos teitos e pavimentos afectados. O proxecto inclúe tamén traballos de reparación dos canalóns e da cuberta, a instalación de detectores de fume e a colocación dunha pérgola bioclimática no patio exterior, que permitirá dispoñer dunha zona de sombra para o uso das nenas e nenos.

Segundo explicou o Alcalde durante a visita, as obras avanzan a bo ritmo e están a desenvolverse conforme aos prazos previstos, polo que se mantén o obxectivo de que a Escola Infantil Municipal poida reabrir con normalidade ao remate do período de peche.

Luis Piña quixo agradecer o esforzo e a implicación da empresa adxudicataria, Multiservicios Renova S.L, para executar os traballos no prazo previsto: “Para o Concello é fundamental que os traballos estean rematados a tempo e que a Escola poida reabrir sen demoras, porque detrás desta actuación están as familias e as nenas e nenos que utilizan diariamente as instalacións”.

O Alcalde tamén quixo aproveitar a visita para agradecer novamente ás familias a súa colaboración e comprensión ante as molestias derivadas do peche temporal, subliñando que se trata dunha intervención necesaria para mellorar unhas instalacións municipais fundamentais para a atención e o benestar da primeira infancia no concello.