O Concello celebra a Xunta Local de Seguridade previa á celebración da Romaría das Pascuillas

O Concello da Caniza celebrou esta mañá unha Xunta Local de Seguridade presidida polo alcalde Luis Piña con motivo da próxima celebración da Romaría das Pascuillas na honra da Nosa Señora Santa María da Franqueira, que terá lugar o vindeiro 25 de maio, festivo local na localidade.

Na xuntanza participaron o tenente adxunto da Compañía da Garda Civil de Tui, Pablo Piñeiro; o comandante de posto do cuartel da Garda Civil da Caniza; a Tenente de Alcalde María José Rodríguez e o auxiliar da Policía Local Miguel Pereiro.

As Romarías da Franqueira constitúen unha das advocacións marianas máis antigas de Galicia e unha das celebracións relixiosas que maior número de devotos e visitantes reúne cada ano en Galicia.

A reunión serviu para coordinar o dispositivo especial de seguridade, prevención e organización previsto para os días centrais da romaría, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento dos actos relixiosos e festivos, así como a seguridade dos milleiros de persoas que se desprazarán ata A Franqueira.

Durante a sesión abordáronse aspectos relacionados coa regulación do tráfico, os accesos, os estacionamentos, os servizos de emerxencia, a coordinación entre corpos de seguridade e os protocolos de actuación previstos para garantir a máxima seguridade durante a celebración.

O Concello destacou a importancia desta reunión de coordinación previa para asegurar que a Romaría da Franqueira poida desenvolverse nun ambiente de normalidade e seguridade, mantendo viva unha tradición de enorme valor histórico, relixioso e cultural para Galicia, romaría declarada ademais pola Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico.