O Concello da Caniza adhírese á Rede de Concellos contra o Acoso Escolar
O Alcalde Luis Piña, informou esta mañá da adhesión do Concello ao convenio de colaboración impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar.
A adhesión foi aprobada mediante Resolución da Alcaldía con data do 22 de abril de 2026, reafirmando o compromiso municipal coa prevención, detección e intervención fronte ao acoso e ciberacoso escolar.
Esta iniciativa ten como obxectivo consolidar unha rede de apoio territorial que fomente unha convivencia positiva nos centros educativos, promovendo contornas seguras, inclusivas e respectuosas para a infancia e a adolescencia. Entre as actuacións previstas destacan a coordinación entre administracións e institucións, a formación especializada de profesionais e o impulso de medidas preventivas fronte a calquera forma de violencia no ámbito escolar.
Con esta adhesión, o Concello da Caniza incorpórase a unha rede de colaboración entre entidades locais e administración autonómica orientada a mellorar o benestar e o desenvolvemento integral do alumnado galego, favorecendo a implicación activa de toda a comunidade educativa e dos servizos municipais vinculados á infancia e ás familias.
Tras a sinatura o Alcalde sinalou que esta adhesión supón “unha ferramenta útil para reforzar as políticas locais de protección, convivencia e apoio educativo”.