O Concello da Caniza consegue para o Mirador do Montouto a acreditación Starlight como Parque Estelar
- Un recoñecemento concedido pola Fundación Starlight de Tenerife que converte este enclave no primeiro “Parque Estelar Starlight” de Galicia e sitúa á Caniza dentro dunha rede selecta de espazos dedicados á observación e divulgación astronómica.
- O Montouto pasa a formar parte dunha rede internacional con 23 espazos acreditados, 15 deles en España.
- A acreditación recoñece o valor de Montouto como espazo para a observación do ceo nocturno, a divulgación astronómica e o desenvolvemento de actividades culturais, educativas e turísticas relacionadas co firmamento.
- E a primeira actividade será este mércores 12 de agosto, coa andaina para observar o eclipse total de sol que o Concello organiza a partires das 18h con saída dende Fontefría. Unha actividade gratuita na que se repartirán gafas homologadas para ver o eclipse e para a que se recomenda inscripción na Biblioteca (986 66 30 69).
Así o comunicou o Alcalde Luis Piña tras recibir esta mañá o Certificado da Fundación. Con esta incorporación, a rede internacional de Parques Estelares Starlight conta xa con 23 espazos acreditados en todo o mundo, 15 deles en España. A Caniza incorpora así a Galicia, por primeira vez, á categoría de Parque Estelar.
A acreditación supón moito máis que dispoñer dun lugar desde o que observar as estrelas. A Fundación Starlight dispón de diferentes modalidades de acreditación adaptadas ás características e obxectivos de cada territorio ou espazo. A categoría de Parque Estelar está dirixida a espazos que funcionan como auténticos “miradoiros abertos ao firmamento”, onde se poden desenvolver actividades de observación, didácticas, culturais ou lúdicas relacionadas con fenómenos astronómicos como eclipses, choivas de estrelas, aliñacións planetarias ou o paso de cometas.
A obtención desta acreditación culmina un procedemento iniciado polo Concello da Caniza para poñer en valor o Mirador de Montouto como infraestrutura vinculada á observación do ceo nocturno e ao desenvolvemento do astroturismo.
O acordo de obtención da acreditación adoptouse no Pleno municipal do 31 de xullo, no que se aprobou a adhesión do Concello á Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas. O acordo saíu adiante con 7 votos a favor do Equipo de Goberno e 5 abstencións.
O acordo plenario incluía ademais o compromiso do Concello de promover, dentro das súas competencias e posibilidades orzamentarias, a prevención da contaminación lumínica, o uso racional e eficiente da iluminación exterior e a posta en valor do patrimonio natural, científico, cultural e turístico asociado á observación do firmamento.
A adhesión á Declaración da Palma era outro requisito específico para acadar a certificación.
A Fundación esixía ademais unha auditoría para valorar a calidade do ceo, os recursos naturais, culturais e científicos, o alumeado, as infraestruturas, os servizos e a xestión turística. Unha documentación elaborada pola Fundación para O Montouto.
En palabras do Alcalde Luis Piña: “A acreditación recibida hoxe converte ao noso ceo nocturno nun recurso que pode integrarse dentro da oferta cultural, científica e turística da Caniza”. “O recoñecemento permite desenvolver arredor deste espazo actividades de observación do firmamento, divulgación astronómica e educación ambiental, ademais de potenciar a súa incorporación a propostas relacionadas co astroturismo”.
A FUNDACIÓN STARLIGHT
É unha entidade sen ánimo de lucro creada en 2009 polo Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) e Corporación 5, co obxectivo de contribuír á difusión da ciencia, especialmente da astronomía, e desenvolver accións destinadas a protexer o ceo escuro e poñelo en valor como recurso científico, cultural, medioambiental e turístico.
A Fundación promove iniciativas dirixidas á protección do ceo estrelado, á redución da contaminación lumínica e ao desenvolvemento de sistemas de iluminación máis eficientes, vinculando a conservación do ceo co aforro enerxético e coa loita contra os efectos do cambio climático.
O seu sistema de certificación ten como referencia a Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas, coñecida como Declaración da Palma, na que participaron representantes de organismos internacionais relacionados coa ciencia, a astronomía e o turismo.
A partir de hoxe, o Mirador do Montouto incorpórase como Parque Estelar ás bases de datos da Fundación, beneficiándose da súa promoción internacional.