O Concello da Caniza denuncia o baleirado do depósito municipal de abastecemento de Portoaugavella e pide unha investigación
O depósito municipal, cunha capacidade aproximada de tres millóns de litros, atopábase ao 100 % da súa capacidade o venres 12 de xuño e apareceu completamente baleiro o luns 15 de xuño, segundo recolle a denuncia presentada polo Alcalde.
Segundo manifestou o rexedor “trátase dunha situación totalmente anómala e solicitamos que se esclarezan as causas do sucedido”. Ademáis sinala que este depósito por sí mesmo (sen recibir ningún aporte das captacións e pozos que a subministran) ten capacidade para abastecer á poboación da Caniza durante varios días.
Segundo consta no atestado presentado no Cuartel da Garda Civil da Caniza o día 3 de xullo de 2026, o depósito, cunha capacidade aproximada de tres millóns de litros, atopábase ao 100 % da súa capacidade na comprobación realizada o venres 12 de xuño. Cando os servizos municipais volveron a inspeccionalo o luns, 15 de xuño, comprobaron que estaba completamente baleiro. Na revisión das instalacións e da rede de abastecemento municipal non se localizaron fugas nin danos visibles que explicasen a desaparición de tal volume de auga.
Na denuncia, o Alcalde solicita a intervención das forzas de seguridade para esclarecer o ocorrido, poñendo os feitos en coñecemento das autoridades para a súa investigación.
O atestado tamén recolle que determinados elementos de control da rede de abastecemento son accesibles, como as chaves de paso, unha circunstancia que tamén foi comunicada aos axentes durante a denuncia.
Na actualidade, o Concello continúa traballando para recuperar os niveis habituais do depósito, un labor dificultado polo adianto da seca e a diminución dos recursos hídricos dispoñibles. Segundo comunicou Meteogalicia estamos ante a seca máis alta dende o ano 1990 ( 36 anos).
Mentres a investigación segue aberta, o Concello fai un chamamento á colaboración da veciñanza para realizar un consumo responsable da auga e evitar usos innecesarios, co obxectivo de preservar as reservas dispoñibles.