O Concello e a Xefatura Territorial de Educación abordarán conxuntamente tres actuacións prioritarias no ámbito educativo da Caniza
O Alcalde, Luis Piña, e o Xefe Territorial de Educación, César Ares, acordaron traballar de maneira coordinada para avanzar na renovación da cuberta do pavillón do CPI, acometer a substitución da cuberta do Centro de ESO e potenciar a continuidade do CEIP de Touzosas-Valeixe.
O Alcalde da Caniza mantivo o pasado 17 de setembro unha reunión na Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra co seu responsable, César Ares, na que se abordaron tres cuestións prioritarias para as infraestruturas e os servizos educativos do municipio. O encontro rematou cunha boa disposición por parte das dúas administracións e co compromiso de traballar conxuntamente para avanzar na procura de solucións, asumindo cada administración as actuacións que lle correspondan.
Cuberta do pavillón do CPI da Caniza
O primeiro dos asuntos abordados foi a situación da cuberta do pavillón do CPI da Caniza. Durante a reunión, ambas partes coincidiron na necesidade de acometer a construción dunha nova cuberta, unha actuación que permita resolver definitivamente a situación actual e recuperar a instalación para o seu uso educativo con todas as garantías.
Para avanzar neste obxectivo, a Consellería desenvolverá un estudo xurídico e técnico que permita determinar as actuacións necesarias, mentres que o Concello realizará tamén os estudos correspondentes desde o ámbito das súas competencias.
O obxectivo marcado é que a instalación poida estar dispoñible con teito novo no curso 2027/2028.
Mentres se desenvolven estes traballos e se procura unha solución definitiva, o Concello reitera o seu compromiso de poñer á disposición do centro educativo o Pavillón Municipal Carballo do Marco en horario de mañá, tal e como xa se ofrecera anteriormente, co fin de facilitar a continuidade das actividades lectivas que precisen deste espazo.
Ampliación da área de influencia do CEIP de Touzosas-Valeixe
O segundo dos asuntos tratados foi o futuro do CEIP de Touzosas-Valeixe. Tanto o Alcalde como o Xefe Territorial coincidiron na necesidade de potenciar o centro co obxectivo de estabilizalo, consolidalo e garantir a súa continuidade nos próximos anos.
Neste sentido, unha das primeiras medidas a abordar será a ampliación da súa área de influencia a todo o termo municipal, de maneira que o alumnado non quede unicamente vinculado ás zonas de Valeixe e Luneda. Esta cuestión deberá contar tamén cos informes correspondentes das direccións dos centros educativos implicados e da Inspección Educativa. A documentación municipal xa recollía a petición de ampliar a área de influencia do centro a todo o municipio.
O propósito é que esta nova configuración poida estar operativa no curso 2027/2028, o que permitiría, entre outras cuestións, estudar a incorporación dunha parada de transporte escolar no núcleo urbano de A Caniza con destino ao CEIP de Touzosas-Valeixe, modificando o actual percorrido, que parte de Sibei.
O Alcalde e o Xefe Territorial coincidiron en que esta medida debe entenderse dentro dun obxectivo máis amplo: favorecer o asentamento da poboación no territorio e garantir a continuidade dun servizo educativo de proximidade no ámbito rural. Por este motivo, comprometéronse a traballar para consolidar, potenciar e estabilizar o centro.
Substitución da cuberta do centro da ESO
O terceiro asunto abordado foi a situación da cuberta do Centro de ESO da Caniza, que presenta deficiencias e está composta por materiais de uralita que conteñen amianto. A documentación municipal xa sinalaba a necesidade de acometer a súa substitución mediante unha actuación específica sobre a cuberta.
Neste caso, o Concello remitirá á Xefatura Territorial un informe técnico e fotográfico que permita valorar o estado actual da instalación e concretar as necesidades de intervención.
Pola súa parte, o xefe territorial trasladou a disposición da Consellería a poñerse a traballar na reposición da cuberta e na súa substitución, avanzando así cara a unha solución integral para o edificio.
Tras a xuntanza o Alcalde Luis Piña valorou moi positivamente o resultado da reunión e destacou a boa disposición e vontade de colaboración mostrada por parte da Xunta.