O Concello presenta o XV Desfile de Moda do Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal
· Unha cita que terá lugar o sábado 26 de setembro no Auditorio da Casa da Cultura, na que o deseñador tamén presentará a súa propia colección para a tempada Outono-Inverno 2026/27.
Esta mañá presentouse no Parque Heriberto Fuertes o XV Desfile de Moda do Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal, unha cita xa consolidada na programación cultural do municipio que se celebrará o vindeiro sábado 26 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura.
Na presentación participaron o Alcalde Luis Piña e o deseñador Cristóbal Vidal, responsable dos obradoiros de Deseño, Patronaxe e Costura que se desenvolven nas instalacións da Casa da Cultura, acompañado de Mariana Venditti, profesora adxunta da rama textil destes cursos.
Durante o encontro déronse a coñecer os detalles desta nova edición, que reunirá sobre a pasarela as creacións realizadas polas alumnas e alumnos do Curso 2025/2026 e a nova colección de Cristóbal Vidal para a tempada Outono-Inverno 2026/27, un dos principais atractivos da cita.
O desfile permitirá ao público coñecer o traballo creativo máis recente do deseñador, estreitamente vinculado ao municipio, onde desenvolve tanto a súa actividade profesional como o seu labor docente.
Cristóbal Vidal
Nacido en Vigo, pero afincado na Caniza, formouse na Escola de Artes e Técnicas da Moda de Barcelona e completou posteriormente a súa formación cunha estadía Erasmus na Winchester School of Arts da Universidade de Southampton. A súa traxectoria comezou a destacar coa obtención, en 1997 e 2001, do certame Tesoira para novos deseñadores, organizado pola Xunta de Galicia, premios que impulsaron os seus primeiros pasos profesionais.
Posteriormente desenvolveu unha ampla traxectoria no ámbito da moda e participou durante varias tempadas na Pasarela Gaudí de Barcelona, onde presentou as súas coleccións e chegou a protagonizar un desfile propio en 2004.
Ao longo da súa carreira tamén traballou e colaborou con diferentes firmas do sector, entre elas Adolfo Domínguez, ao tempo que desenvolvía as súas propias coleccións.
A súa proposta creativa caracterízase especialmente pola investigación da xastraría e do patronaxe, a revisión dos códigos tradicionais da indumentaria masculina e a experimentación coas estruturas e volumes das pezas. A saia masculina converteuse nun dos elementos máis recoñecibles da súa traxectoria. A esta investigación súmanse as referencias á historia da indumentaria, á deconstrución e á artesanía, procurando trasladar aos seus deseños elementos culturais e históricos desde unha perspectiva contemporánea.
Esta concepción da moda, baseada na investigación, no coñecemento da peza e na experimentación, é tamén a que Vidal transmite desde hai anos nos obradoiros de Deseño, Patronaxe e Costura de A Caniza, onde desenvolve o seu labor docente e acompaña o alumnado no proceso de creación das súas propias propostas.
Xunto á colección propia do deseñador, o desfile dará protagonismo ás alumnas e alumnos do XV Curso de Deseño e Patronaxe, que presentarán as pezas e creacións realizadas durante o seu proceso de formación.
Os obradoiros desenvólvense nas instalacións da Casa da Cultura de A Caniza, onde os participantes traballan diferentes aspectos relacionados co deseño, o patronaxe e a confección, combinando os coñecementos técnicos co desenvolvemento da súa creatividade.
O desfile supón o punto culminante de meses de traballo e aprendizaxe e ofrece ao alumnado a posibilidade de presentar publicamente as súas creacións e vivir a experiencia de trasladar os seus deseños a unha pasarela.
Durante a presentación, o Alcalde, Luis Piña, destacou a importancia da continuidade deste proxecto e puxo en valor o traballo desenvolvido durante estes quince anos para achegar a moda e o deseño ao municipio, así como o labor formativo que se desenvolve na Casa da Cultura.
O XV Desfile de Moda do Curso de Deseño e Patronaxe celebrarase o sábado 26 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de A Caniza, onde se presentarán as creacións do alumnado e a nova colección propia de Cristóbal Vidal para a tempada Outono-Inverno 2026/27.