O Pleno da Cañiza aproba a actualización de once ordenanzas fiscais para garantir a estabilidade financeira e manter a redución da retención do Ministerio de Facenda no 25%

O Concello celebrou esta mañá unha nova sesión plenaria extraordinaria para votar a actualización de once ordenanzas fiscais municipais, moitas delas sen actualizar desde a súa aprobación nos anos 1994 e 1998.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do Equipo de Goberno e os votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular e do Concelleiro Non Adscrito.

Esta medida enmárcase no Plan de Saneamento Financeiro aprobado polo Pleno o 30 de novembro de 2023 e aceptado polo Ministerio de Facenda e Función Pública con efectos desde xaneiro de 2024.

O obxectivo principal deste plan é garantir a estabilidade orzamentaria, a liquidez da Tesouraría municipal e a sustentabilidade financeira da entidade local.

A obriga de actualización das ordenanzas fiscais deriva directamente da situación económica que arrastraba o Concello, incapaz durante anos de facer fronte aos pagos cos seus provedores e de reducir a débeda acumulada no tempo.

O Alcalde recordou que esta débeda, herdada de mandatos municipais anteriores a 2019, superaba os 4,5 millóns de euros, dos cales se puido facer fronte a unha pequena parte, pero o resto tivo que ser asumido polo Ministerio de Facenda a través dos Mecanismos Extraordinarios de Pago a Provedores postos en marcha nos exercicios 2022 e 2023.

Deste xeito, o Ministerio de Facenda do Goberno de España afrontou directamente o pago das facturas pendentes a provedores do Concello da Cañiza, por un importe total de 2.769.008,52 euros máis xuros, importe que agora o Concello está devolvendo ao Estado.

Como consecuencia, o Concello vese obrigado a reintegrar esa débeda mediante retencións mensuais do 50% das cantidades que lle corresponden pola Participación nos Tributos do Estado (PTE).

Co fin de aliviar esta carga e manter a redución desa retención ao 25%, o Concello debe acreditar o cumprimento do Plan de Saneamento Financeiro e continuar adoptando medidas que incrementen a súa capacidade de ingresos e melloren a suficiencia financeira municipal.

O artigo 117 da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 permite solicitar esta redución, sempre que a entidade local xustifique o cumprimento das medidas recollidas no Plan de Saneamento e adopte actuacións de actualización normativa e fiscal que garantan a suficiencia dos ingresos públicos.

Moitas das ordenanzas vixentes mantiñan a súa redacción orixinal desde os anos 1994, 1998, 2012 e 2015, o que provocou unha evidente desactualización normativa e unha perda de capacidade recadatoria real fronte ao incremento dos custos actuais dos servizos públicos.

Por este motivo, o Concello da Cañiza considera esencial continuar implementando medidas de actualización normativa e fiscal, incluíndo a revisión das taxas e prezos públicos conforme ao IPC acumulado, co fin de adequar o marco tributario municipal á realidade económica actual e garantir que o Ministerio de Facenda manteña a retención reducida do 25%.

O 15 de outubro, a Secretaría Xeral de Financiamento Autonómico e Local do Ministerio admitiu a trámite a solicitude do Concello da Cañiza para manter a redución da retención ao 25% durante o exercicio 2026, sempre que se acredite o cumprimento das obrigas coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social ao peche do exercicio.

Neste contexto, o Alcalde Luis Piña subliñou que “a revisión e modernización das ordenanzas fiscais non é só unha cuestión administrativa, senón unha medida necesaria e responsable para garantir o cumprimento das obrigas financeiras, reforzar a estabilidade económica do Concello e asegurar a continuidade dos servizos públicos municipais”.

Engadiu tamén que “o Concello non ten un afán recadatorio, porque son cantidades moi pequenas as que se van recadar, pero estas actualizacións son necesarias para manter a redución da retención que aplica o Ministerio de Facenda”.

Ademais, destacou que “hai que facer un exercicio de responsabilidade, porque o Concello aínda non pode manter o equilibrio entre o custo real dos servizos públicos e os ingresos que percibe, polo que estas medidas son imprescindibles para garantir a súa sustentabilidade”.

 

As once ordenanzas actualizadas abranguen diferentes taxas e prezos públicos, entre elas:

  • Taxa pola celebración de matrimonios civís.

  • Taxa por ocupación de terreo de uso público municipal con materiais ou instalacións temporais.

  • Taxa por licenzas urbanísticas.

  • Taxa por apertura de gabias e calicatas en vías públicas.

  • Taxa pola expedición de documentos administrativos.

  • Taxa por entradas de vehículos e reservas de vía pública.

  • Taxa polo uso e mantemento do cemiterio municipal.

  • Taxa polo aproveitamento especial do dominio público con postos ou atraccións temporais.

  • Taxa polo servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos (lixo).

  • Taxa pola subministración de auga.

  • Taxa polo servizo da rede de sumidoiros.

O Pleno da Cañiza aproba a actualización de once ordenanzas fiscais para garantir a estabilidade financeira e manter a redución da retención do Ministerio de Facenda no 25%  O Concello celebrou esta mañá unha nova sesión plenaria extraordinaria para votar a actualización de once ordenanzas fiscais municipais, moitas delas sen actualizar desde a súa aprobación nos anos 1994 e 1998.  A proposta foi aprobada cos votos a favor do Equipo de Goberno e os votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular e do