O Pleno do Concello celebra a 5 ª sesión ordinaria do ano
A sesión celebrada o pasado 29 de maio aprobou o nomeamento da Xuíza de Paz titular, a ratificación do convenio comarcal para a prestación do servizo de orientación laboral e a prórroga e actualización do convenio da Escola de Música da Caniza.
Entre os acordos adoptados destaca o nomeamento de Paula Gómez Pérez como Xuíza de Paz Titular da Caniza, proposta que será trasladada ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a súa tramitación definitiva. A candidata conta cunha ampla experiencia no desempeño destas funcións, tras exercer durante nove anos como Xuíza de Paz no municipio.
Outro dos asuntos aprobados foi a ratificación do Convenio de Colaboración Marco para a solicitude da subvención destinada á contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral durante o exercicio 2026, unha iniciativa desenvolvida conxuntamente polos concellos da Caniza, Arbo, Covelo e Crecente.
O obxectivo deste convenio é garantir a continuidade do servizo de orientación laboral que se presta na comarca da Paradanta e facilitar o acceso a unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada á contratación dun técnico ou técnica de orientación laboral.
Este servizo está orientado a mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, prestando especial atención aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, como as persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, mozos e mozas con déficit formativo, persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social.
A colaboración entre os catro concellos permitirá seguir desenvolvendo actuacións de orientación, asesoramento e acompañamento profesional para favorecer a inserción laboral da veciñanza da comarca.
Así mesmo, o Pleno aprobou a prórroga e actualización do convenio de colaboración entre o Concello da Caniza e a Escola de Música da Caniza, garantindo a continuidade deste importante proxecto educativo e cultural. A renovación do convenio permitirá prolongar a colaboración entre ambas entidades a partir do vindeiro mes de setembro e adaptar o seu contido ás modificacións producidas nos últimos anos na organización interna da escola, entre elas o relevo na dirección do centro.