As pistas de tenis municipais das Grades acolleron o seu I Torneo oficial
O Concello celebrou durante a fin de semana do 4 e 5 de xullo o I Torneo de Tenis da Caniza, unha cita que serviu para inaugurar a actividade competitiva nas pistas municipais das Grades e que tamén formou parte da programación do Verán de Lecer 2026.
Ao longo das dúas xornadas, 8 tenistas (6 homes e 2 mulleres) disputaron os encontros do campionato. A competición desenvolveuse con adaptación dos horarios dos partidos debido á situación de alerta por vaga de calor que afectaba a Galicia durante esa fin de semana, co fin de garantir a seguridade e o benestar dos participantes.
O título foi para Óscar Fernández Gómez, mentres que Juan Domínguez Gil proclamouse subcampión desta primeira edición.
O torneo concluíu coa entrega de premios, presidida polo Alcalde, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, e polo Concelleiro Miguel Anxo Gómez. Durante o acto, Luis Piña felicitou ao campión e ao subcampión, facendo extensivo o seu recoñecemento ao conxunto dos participantes polo seu esforzo, deportividade e compañeirismo, destacando a súa contribución ao éxito desta 1ª edición e á promoción da práctica deportiva no municipio.
A competición foi o primeiro torneo oficial celebrado nas pistas tras a súa posta en servizo, despois da finalización das obras en xuño do ano pasado. As instalacións, modernizadas polo Concello, están destinadas principalmente ao uso deportivo da veciñanza.
A actuación supuxo un investimento de 147.682 euros, financiado integramente mediante achegas da Deputación de Pontevedra e de Rede Eléctrica de España. Os traballos incluíron a instalación dun novo pavimento deportivo de alta resistencia, a mellora da drenaxe, a substitución do peche perimetral e das redes, así como a incorporación dun sistema de iluminación LED, dotando ás pistas dunhas mellores condicións para a práctica deportiva durante todo o ano.
Como reservar as pistas de tenis
O Concello lembra que as pistas municipais permanecen á disposición dos veciños para a práctica deportiva mediante reserva previa.
As reservas poden realizarse de luns a venres no ximnasio municipal, en horario de 8.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 22.30 horas, e durante as fins de semana no cámping municipal da Caniza, entre as 9.00 e as 11.00 horas.
O prezo do alugueiro das pistas é de 3,20 euros por hora, aos que se engade, no caso de nocturnidade, un suplemento de 2,10 euros por hora polo uso da iluminación.
Galería multimedia