Presentamos o Calendario 2026 do Concello da Cañiza

Queridas veciñas e veciños, queridos canicenses no exterior:

Ao iniciar este novo ano quero compartir convosco unha mensaxe de gratitude e esperanza. O 2025 foi un ano de traballo intenso e continuado, no que A Cañiza seguiu dando pasos firmes para mellorar os servizos públicos, reforzar as infraestruturas e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento sostible e de futuro.

Ao longo destes meses impulsamos actuacións que xa están a transformar o noso municipio. Recuperamos e puxemos en valor espazos clave como a Ponte das Achas.

Impulsamos, xunto á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, actuacións tan relevantes como a nova condución de saneamento cara á depuradora e a nova depuradora de Valeixe.

E abrimos novos recursos de lecer e patrimonio, como o Miradoiro do Montouto e o Miradoiro do Monte Lapido, que nos conectan coa nosa paisaxe e coa nosa identidade.

Melloramos tamén instalacións deportivas moi utilizadas pola veciñanza: as pistas de tenis, a cuberta da pista de pádel, a modernización do sistema de depuración da piscina climatizada e importantes investimentos en eficiencia enerxética nos pavillóns, campos de fútbol e outras instalacións municipais. Actuacións que significan máis aforro, máis confort e un concello máis sostible.

Este foi tamén o ano no que demos pasos decisivos na posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico, coa investigación da Cidade Castrexa das Grades. Un proxecto ilusionante que reforza a nosa identidade e abre novas oportunidades culturais e turísticas para o futuro.

Cómpre destacar, ademais, o impulso á colaboración institucional. A cooperación coas administracións estatal, autonómica e provincial permitiu mobilizar os recursos que lle corresponden ao noso concello e sumar outros obtidos por concorrencia, desde un traballo coordinado e leal.

Do mesmo xeito, mantivemos unha intensa actividade social, apoiando programas dirixidos á mocidade, ás familias e ás persoas maiores, reforzando accións formativas, culturais e preventivas, e acompañando ás asociacións e entidades que fan da nosa vila un lugar máis activo, solidario e inclusivo.

Todo isto foi posible grazas ao compromiso da veciñanza, das asociacións, do tecido empresarial e tamén de todas as persoas que, mesmo dende lonxe, seguides levando A Cañiza no corazón.

De cara ao 2026, seguiremos traballando con ilusión renovada, impulsando novos proxectos para que A Cañiza continúe medrando: máis viva, máis amable e con máis oportunidades para todas e todos.

Recibide os meus mellores desexos de saúde, prosperidade e felicidade para este novo ano.

Unha forte aperta do voso Alcalde,

Luis Antonio Gómez Piña