Primeira reunión institucional entre os rexedores da Cañiza e Melgaço

O Alcalde Luis Piña realizou o pasado mércores, 21 de xaneiro, unha visita oficial a Melgaço para manter o primeiro encontro institucional co novo presidente da Câmara Municipal, José Albano Domingues, recentemente elixido tras as eleccións municipais portuguesas do pasado 12 de outubro de 2025.

A reunión, celebrada na sede da Câmara Municipal de Melgaço, respondeu á solicitude do Alcalde da Cañiza de concertar un encontro oficial co novo rexedor portugués, co obxectivo de coñecerse persoalmente e abordar as principais cuestións que afectan e unen a ambos territorios.

Durante a reunión, ambos Alcaldes coincidiron na importancia de manter unha liña de cordialidade, diálogo e traballo conxunto, continuando a senda de cooperación institucional desenvolvida nos últimos anos. O Alcalde Luis Piña tamén lle trasladou a felicitación dos cañicenses ao novo presidente da Câmara, desexándolle éxito nesta nova etapa de presidencia do municipio.

Un dos asuntos centrais do encontro foi o avance do proxecto da Eurocidade do Miño, que aspira a converterse na quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Trátase dunha iniciativa estratéxica de cooperación transfronteiriza que xa conta co visto e prace das autoridades de Santiago de Compostela e Madrid, e que se atopa pendente da validación definitiva por parte de Lisboa.

No encontro, Luis Piña destacou que a Eurocidade do Miño constitúe unha ferramenta clave para acompañar, promover, coordinar e executar proxectos transfronteirizos, aproveitando as estreitas ligazóns xeográficas, económicas, sociais e culturais que comparten os municipios implicados. A futura eurocidade integrará os concellos de Arbo, As Neves, Crecente, A Cañiza e Melgaço, configurando un territorio cunha zona de influencia directa de máis de 30.000 habitantes.

Cómpre lembrar que o Pleno do Concello da Cañiza aprobou por unanimidade, na sesión celebrada o 4 de abril de 2024, o Protocolo de Cooperación Transfronteiriza que senta as bases para a constitución da Eurocidade do Miño, logo de ter aprobado previamente, en xullo de 2022, a adhesión á Declaración de Interese e á Carta de Irmandamento e Amizade entre os municipios participantes.

Nesta liña de actuación, ambos rexedores subliñaron que a cooperación transfronteiriza é un dos instrumentos máis eficaces para achegar as poboacións fronteirizas, reforzar os lazos de amizade institucional e fomentar o desenvolvemento económico, social e cultural dos territorios, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da cidadanía a ambas marxes do río Miño.

A reunión concluíu co compromiso mutuo de continuar mantendo encontros que permitan avanzar na concreción de proxectos comúns.