Recepción ao alumnado do IES da Caniza distinguido cos premios MEGAU 2026

O Alcalde Luis Piña recibiu este sábado, 12 de setembro, no Salón de Plenos do Consistorio, a Iago Álvarez Domínguez, Sara Domínguez Rosa e Lola Rodríguez Riveiro, alumnos do IES da Caniza distinguidos cos premios aos Mellores Expedientes de Galicia (MEGAU 2026), concedidos polas universidades galegas ao alumnado que obtivo os mellores resultados nas Probas de Acceso á Universidade.

Durante a recepción, o Alcalde trasladoulles, en nome do Concello e da veciñanza da Caniza, a súa felicitación polo esforzo, a constancia e a excelencia académica demostrados, así como os mellores desexos para a nova etapa universitaria que agora comezan.

Iago Álvarez Domínguez cursará Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense da Universidade de Vigo. Sara Domínguez Rosa estudará Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, mentres que Lola Rodríguez Riveiro iniciará os seus estudos de Psicoloxía, tamén na Universidade de Santiago de Compostela.

Como recordo desta recepción, Luis Piña fixo entrega aos tres estudantes dun libro sobre a parroquia das Achas, co obxectivo de que leven consigo unha parte da historia, do patrimonio e da identidade da Caniza.

As familias tamén estiveron presentes na recepción, acompañando aos estudantes neste recoñecemento aos seus logros académicos.

Parabéns aos tres e moitos éxitos!

 

Recepción ao alumnado do IES da Caniza distinguido cos premios MEGAU 2026