Recepción oficial do Concello ao CF Cañiza Senior Masculino polo seu ascenso a Segunda Futgal

O Salón de Plenos da Casa Consistorial acolleu o pasado venres unha recepción oficial ao CF Cañiza Senior Masculino en recoñecemento ao ascenso conseguido esta tempada a Segunda Futgal.

Durante a recepción, o Alcalde Luis Piña felicitou aos xogadores, ao corpo técnico e á directiva polo traballo realizado ao longo de toda a tempada, destacando o esforzo, a constancia e o compromiso que permitiron alcanzar un obxectivo moi merecido.

Luis Piña puxo en valor o papel que desempeña o club na promoción do deporte e dos valores asociados á práctica deportiva, como o compañeirismo, a disciplina e a superación persoal.

Como recordo desta xornada, o Alcalde fixo entrega a cada un dos xogadores e membros do corpo técnico dunha medalla conmemorativa do acto, en recoñecemento ao éxito acadado e á súa contribución ao deporte local.

O acto concluíu cunha fotografía de familia no Salón de Plenos, onde o Alcalde, xogadores, técnicos e a Presidenta do Club Mónica Almuiña e directivos celebraron conxuntamente un ascenso que enche de orgullo á gran familia do CF Cañiza e ao conxunto da veciñanza.

O ascenso culmina unha gran tempada para o CF Cañiza, que rematou na segunda posición do Grupo 2 de Terceira Futgal de Vigo con 73 puntos, tras sumar 23 vitorias e 4 empates nas 32 xornadas disputadas. Ademais, o equipo acadou o ascenso directo con seis puntos de vantaxe sobre o terceiro clasificado.

Este éxito deportivo chega despois dunha notable progresión do equipo, que a pasada tempada xa lograra clasificarse para disputar a fase de ascenso. Nesta ocasión, o CF Cañiza conseguiu recuperar a categoría de forma directa grazas á súa regularidade e ao gran nivel competitivo.

Noraboa a todos!