Santa María de Luneda: Novo libro sobre a historia da parroquia

O Alcalde da Cañiza recibe da man de Luís  Manuel González Piñeiro, Cura Párroco de Santa María de Luneda, varios exemplares do seu artigo «Santa María de Luneda. historia dunha iglesia Sanjuanista».

Unha xoia histórica que formará parte do Fondo Bibliográfico do Concello e que se repartirá entre as bibliotecas dos centros escolares do municipio para público coñecemento.

 

  • Segundo o seu autor, «trátase dun traballo de investigación, iniciado o pasado 25 de agosto de 2019, sobre a parroquia de  Luneda coa intención de que non quede no esquecemento a moita historia do seu rural e non se perdan os acontecementos da súa memoria popular»

 

  • O Alcalde Luís Piña agradeceu o xesto de Luís M. González de compartir e regalar varios exemplares ao Consistorio e felicitouno por este excelente e documentado traballo de investigación que en palabras do rexedor « espertará o interese dos lectores desde a primeira páxina».

 

O pasado mércores o Alcalde Luís Piña recibiu no  Concello a visita do párroco de Luneda, Luís Manuel González Piñeiro, autor do libro «Santa María de Luneda. Evolución arquitectónica dunha igrexa  sanjuanista». Un pequena pero intensa obra impresa agora polo autor en formato de libro e publicada xa o pasado mes de novembro de 2021 na revista de estudos tudenses « Castelum  Tide», na súa edición nº 7.

Segundo comentou González Piñeiro ao Alcalde Luís Piña, «todo comezou por mor de querer realizar unha listaxe de todos os curas que atenderon  a parroquia de  Luneda ao longo da historia, o que se coñece como  Presbiterologio  Lunedense, desde o ano 1640 en que se empezan a ter datos sobre a parroquia ata hoxe».

A segunda motivación foi unha Cruz labrada cunha inscrición situada no Presbiterio e que preside este lugar desde  hai máis de 300 anos. Unha Cruz símbolo da Orde de Malta, ou de San Juan de Malta, ou de San Juan de Jerusalen, nomes cos que se coñecen a este Instituto relixioso militar que tivo o seu auxe en España durante a época medieval da Reconquista. Este dato foi o acicate para que o autor deste libro quixese coñecer máis a fondo a historia de  Luneda e a súa relación coa Orde de Malta.

A partir deste intre inicia unha viaxe pola historia da parroquia consultando fontes nos Arquivos Diocesanos e tamén nos propios Arquivos Parroquiais. Unha investigación que recupera do esquecemento innumerables historias e acontecementos que agora todos poderemos coñecer a través das páxinas deste libro histórico e que estará ao dispor de todos os  cañicenses nas bibliotecas municipais.

No Libro, o seu autor tamén infere unha hipótese sobre o posible nacemento da parroquia antes da chegada dos primeiros cristiáns e a súa consecuente  evanxelización e que sitúa aos primeiros poboadores na cima do Monte Vieiro, posible poboado  castrenxe, en base á súa toponimia e localización.