Trofeo de Fútbol de Veteráns Concello da Caniza 2026

O sábado 12 de setembro, disputouse no Campo de Fútbol Chan de Valeixe o Trofeo de Fútbol de Veteráns Concello da Caniza 2026, organizado polo Concello e integrado na programación do Verán de Lecer 2026, que encara xa a súa recta final.

O Veteranos Valeixe proclamouse campión do Trofeo, tras vencer por 3-0 ao C.F. Randufe Veteranos, nunha xornada marcada pola deportividade e a convivencia.

A xornada reuniu no campo a xogadores e afeccionados e contou coa presenza do Alcalde da Caniza, Luis Piña e dos Concelleiros do Equipo de Goberno María José Rodríguez e Felipe Piña.

Antes do inicio do encontro, previsto para as 18.00 horas, tivo lugar unha fotografía cos capitáns dos dous equipos e coa árbitra Estefanía Alejandro Gesteira, vinculada á parroquia de Valeixe e única muller árbitra da Liga de Veteranos de Vigo.

O Alcalde destacou a importancia de impulsar desde o Concello este tipo de actividades deportivas, que, ademais de fomentar a práctica do deporte, contribúen a xerar espazos de encontro e convivencia. Luis Piña felicitou ao equipo de Valeixe pola súa vitoria e trasladou tamén o seu recoñecemento ao C.F. Randufe Veteranos polo encontro disputado e polo espírito deportivo demostrado ao longo da xornada.

Coincidindo con esta actividade deportiva, o Concello realizou durante a semana diversos traballos de mantemento no Campo de Fútbol Chan de Valeixe, co obxectivo de manter as instalacións nas mellores condicións.

O Concello agradece a participación e implicación dos equipos, organización, persoal colaborador e afeccionados que se achegaron ao campo para desfrutar desta tarde de fútbol.